miércoles, 18 de julio de 2012 | By: Club Xadrez Bueu

In Memoriam

-“…digocho eu, o rapáz sabe xogar ó xadrez, vaites se non sabe”. Foi o Pirata quen mo dixo. Seguro que foi o Pirata, o home que soña con sapoconchos a cruzar estradas : “Amodiño con el, porque é campeón xuvenil de España da ONCE, un tipo perigoso, como cho conto…”

- Ramón Escudeiro Tilve, xogador da Escola de Xadrez de Pontevedra. Así é como se chamaba. Recordoo ben. Era noviño, case imberbe, un adolescente.
-… no ano do ascenso, si, en 2007. Lembroo ben. Inda que nese momento as nosas esperanzas eran case nulas, pois que precisabamos que se dera un bo feixe de resultados extraordinarios para acadar o noso anceio. E inda por riba tocábame xogar co chacho.
- A partida foi complicada, vaites se non foi. O guicho comezou a apretar no taboleiro. Canto mais apretaba mais me remexía eu na silla.
-Que se che deixo ver a planilla para poder reproducir a partida?. Iso quería!. Pero cando cambiei de casa perdín unha morea delas.
- Pois como che dicía. O tipo apretaba, e obrigábame a non perder a concentración. ¿Os compañeiros do equipo?. Preocupados, claro.
-… non sei que che diga. De súpeto atopeime con dous peóns mais. “Dios mueve al jugador y este la pieza”. Estaba contento, tiña a partida gañada.
- Si, o fulano fincou os cóbados contra a mesa.. O rapaz tiña un aquel para mover xente de madeira e comprendín que non ía renderse. Non me deixou un momento de acougo diante do taboleiro.
-…si, a partida acabou en tablas. Foron unhas tablas tolas, un empate salvaxe. Unha boa pelexa, un combate intenso cos dous púxiles ao borde do K.O, digocho ben.
- O tipo sabía apretar os dentes. Vaites se non sabía. E tanto os apretou que seica disque acadou o seu sexto título xuvenil de España de xadrez da ONCE, tres días antes de que comezara a vivir para sempre no noso recordo.

0 comentarios:

Publicar un comentario